21 de Nov de 2009

Mestre Sciascia

De non ser por Juan Cruz o cabodano pasaría desapercibido: hai vinte anos morría en Palermo Leonardo Sciascia. Para epitafio elixiu unha frase de Villiers de l'Isle-Adam: «Lembrarémonos deste planeta.» En O mestre de Regalpetra, a súa biografía de Sciascia, Matteo Collura di que lle sería acaido un parrafeo de Antonio Borgese: «Para cando estea morto, aspiro a unha loanza: que ningunha das miñas páxinas fai propaganda dun sentimento vil ou malvado.»

Merecíao con toda xustiza. Todas as súas páxinas son un monumento á dignidade, un exercicio de radical liberdade. Hoxe poden lerse tamén como un rexistro de intelixencia esperanzada. Cando a morte lle descontaba horas, nunha conversa con Domenico Porcio, Sciascia afirmáballe rotundo:
Porque non hai pesimismo que sexa definitivo cando se escribe. Escribir é sempre un acto de esperanza. No máis fondo hai sempre esperanza.
Algunhas das lacónicas respostas que lle entrega a Porcio, compiladas en Lume na alma, teñen unha actualidade devecida:
—Un cretino é un cretino, dous cretinos son dous cretinos, dez mil cretinos son unha forza histórica.
—Segundo ti, cretino e estúpido son o mesmo?
—Cretino supón unha integridade, é máis forte; é a estupidez de vintecatro quilates. O estúpido é de dezaoito.
—No seu ensaio sobre a estupidez, incluído en Allegro ma non troppo, Carlo Cipolla, ocúpase entre outras cousas da relación entre estupidez e poder.
—Ah, certamente! O poder apóiase moito na estupidez. Cando non está xestionado directamente polos estúpidos.
—Que exemplo lle veñen á cabeza, entre os máis próximos?
—Os gobernos italianos, desde Gasperi en adiante, foron gobernos estúpidos.
—Incapaces de gobernar a cousa pública?

—Estúpidos en canto eran carentes da capacidade de simplificar os problemas e en consecuencia de afrontalos polo lado xusto. Porque o estúpido é complicado, é máis complicado que o intelixente [...] A estupidez é complicada. A conclusión terríbel é que estamos máis en mans dos estúpidos que dos intelixentes.
En Italia hai vinte anos, na Galiza de hoxe tamén, desgraciadamente.

Non podemos esquecer ao mestre Sciascia, os seus libros, o seu exemplo de radical dignidade.

20 de Nov de 2009

A Mesa Castelao


A véspera fíxose público que para manter os seus actuais empregos, os traballadores de La Voz de Galicia van minguar, até finais de 2011, un 3% os seus salarios, en contraprestación o editor-presidente deixará no caixón o ERE. A entrega do premio (de Rey) Fernández-Latorre é de supor que se someteu logo á rigorosa austeridade que predica o señor de Sabón e que os custes da honrosa entrega de loureiros ao socialcristián Francisco Vázquez foron pagados a escote polos podentes convidados.


Unha exhibición de poderío da eminencia convocante.
Para que non haxa dúbida de quen se senta a mesa dos poderes que convoca a Corporación Voz publicouse o censo de 196 notábeis e patricios, harmoniosamente ordenados e distribuídos en mesas bautizadas con nomes de honorábeis intelectuais galegos. Paga a pena ler a listaxe competa. Deixo só a nota dos convocados na Mesa Castelao:
Alfonso Rueda Valenzuela, conselleiro de Presidencia; Salomé Fernández-San Julián; Javier Losada, alcalde de A Coruña; María Luisa Fontana, esposa de Carlos Martínez, presidente de Ediciones Informatizadas S.A. Einsa; Manuel Fernández de Sousa, presidente de Pescanova; Salvador Fernández Moreda, presidente de la Diputación de A Coruña; Manuel Jove Capellán, presidente de Inveravante; Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda; Xerardo Fernández Albor, ex presidente de la Xunta; y Matilde Pascual, esposa de José Luis Méndez López, director general de Caixa Galicia; Carlos Martínez; José Luis Méndez López; María Rosario Andrade, esposa de Manuel Fernández de Sousa; Fernando González Laxe, ex presidente de la Xunta.
O de Rianxo ficaría morto de alegría ante a viva representación da Galiza soberana que el soñou, abraiado perante a cristalización política do espírito republicano que o levou ao exilio e á morte lonxe da terra. Ou quizais preferise sentarse na mesa dos comedores de patacas?

19 de Nov de 2009

Ciberactivismo (e 2)

A Paul Ríos tocoulle pechar, case sen tempo, o seminario sobre o activismo na rede, mágoa non poder afondar máis con el no debate sobre a política 2.0. Na súa idea, dentro e fóra da rede, hai que encanar a política cos cidadáns e para iso hai que achegar unha resposta positiva a unha pregunta capital:
O obxectivo é que a clase política escoite á cidadanía ou ofrecer espazos onde a propia sociedade teña a capacidade de deliberar, cooperar e decidir sobre as cuestións que lle interesan? Dito doutro xeito, é suficiente acurtar a distancia entre política e cidadanía ou hai que dar un paso máis para que se garanta de maneira efectiva que a opinión social sexa determinante na xestión dos asuntos públicos?
Aquí hai un debate político en sentido forte: basta cunha clase gobernante atenta ao ditado da vontade popular ou cómpre ademais unha cidadanía activa, participante e comprometida cunha democracia esixente. Que a pregunta se formule ademais nunha sala do Parlamento Europeo faina aínda máis pertinente xa que a Unión Europea, cada vez máis, se formatea (lamentabelmente) como un kratos sen demos; un goberno sen (a penas) pobo. O obxectivo da política 2.0 non é outro que facer posíbel unha democracia esixente.

Existe a política (galega) 2.0?


Todo indica que Galiza, de momento e neste momento, non é país para a política 2.0. Hai razóns tecnolóxicas, sociais e políticas que limitan o seu desenvolvemento; entre as primeiras: o despregue insuficiente da banda ancha, nas segundas: a desigual alfabetización dixital, e por conxunto a fenda e as dificultades de acceso á sociedade da información malia todos os avances acadados nos últimos anos. Hai, obviamente, que sumarlle poderosas razóns políticas.


En Galiza a política 2.0 é fraca aínda que de vagar se vaian impoñendo as campañas electorais 2.0 coa intensificación da comunicación vía web e o uso temporeiro das redes sociais e outros tarecos tics. A día de hoxe, a Rede aínda é cousa máis propia da sociedade civil (interesada pola política, a comunicación e a cultura galega) que da sociedade política (das institucións e os partidos).


Aínda que está un chisco gastada, é útil a metáfora da Rede como uns novos óculos que nos permiten ver estruturas e procesos que antes nos eran invisíbeis. As reticencias de gobernos e partidos diante da política na rede tradúcese na desconsideración ou ignorancia das novas demandas de participación e decisión que se apoian nas tic e que se valen de internet como un soporte de exercicio e expresión de renovados dereitos cidadáns.


No noso caso hai que sumar, tras a derrota do 1-M, o retorno da man do Partido Popular á política ceropuntocero, o ecosistema ideal da novísima dereita. A política 0.0 é pobre en liberdades, ferozmente anti-igualitaria, insiste na expropiación difusa dos dereitos de cidadanía, santifica un mercado sen goberno, afirma a utilidade marxinal do noso autogoberno fronte aos centros de decisión foráneos (no Estado español ou na Unión Europea), predica á suxeición aos intereses lobbistas, excita o darwinismo social e, atacando á cerna política e cultural da nación, aspira a deconstruír toda forma de identidade nacional en Galiza.

A
política 0.0 avoga estratexicamente por despluralizar a sociedade galega, aposta por un bipartidismo desganado no que a forza ultradominante teña un mol complemento na súa oposición, cun partido retrucante desfiuzado electoralmente e ao que, agás en caso de catástrofe, nunca lle chegará a vez de ser auténtico goberno. Na procura da simplificación, a política 0.0 é asistida con entusiasmo por un sistema de comunicación social que liofiliza os programas alternativos e simplifica as mensaxes críticas, unha democracia mediática epidérmica e insubstancial fronte á que a fraxilidade das canles de información crítica ou alternativa pouco, ou case nada, poden.

A Rede, reserva de cidadanía

Non é logo de estrañar que viremos os ollos cara á Rede como principal reserva da cidadanía e como ecosistema fundamental das nosas liberdades e identidades. Máis alá da estratexia do ourizo –resistir e empinar as pugas cada vez que produce unha ameaza–, están as posibilidades (subvertedoras, emancipadoras... defínanse como queiran) que acubilla a política 2.0. Tras a participación no Seminario sobre activismo político na Rede afírmanse algúns convencementos.
  1. Necesitamos unha estratexia amplamente colaborativa para coidar a pluralidade da esquerda progresista e nacionalistas no noso país, para poder minguar as súas retesías e posibilitar a converxencia de políticas coas que enfrontar a hexemonía conservadora que, ameazadoramente, vai camiño de consolidarse.
  2. É preciso investir na creación clúster para converter ideas en propostas coas que transformar positiva do noso autogoberno e novas políticas económicas e sociais.
  3. É un suicidio abandonar a conversa coas outras expresións da esquerda porque non son a nosa. O que nos convoca non é o que somos senón o que nos propoñemos mancomunadamente conseguir.
  4. Hai que apostar pola transversalidade e, alén das marcas partidarias, animar a formación na rede de «comunidades de propósito», tensionadas pola procura de obxectivos compartidos, que actúen como catalizadoras de novas propostas e protestas.
  5. Hai que explotar as capacidades da rede como espazo de construción de información e comunicación alternativa, nutrente dun outro discurso que convoque aos disconformes, aos resistentes, aos críticos e aos disidentes, pero tamén, e decisivamente, aos cidadáns que atenden á orde normalizada dunha democracia de baixa intensidade. A Rede é un espazo para a sedución e non só para a resistencia.
  6. (Como apuntou no seminario María Yáñez) é urxente mellorar as nosas habilidades para contar historias porque precisamos de novas narracións para recuperar as ilusións, derrotar o escepticismo e imaxinar novos horizontes de cambio no país de Nunca Máis.
Para poder desafiar con éxito á política 0.0, que tanto lle reina á novísima dereita, a Rede ten que ser moito máis que un refuxio de identidades e liberdades ameazadas, non lle queda outra que ser un espazo para empoderarse e un instrumento para a acción política. Aquí, antes de rematar, hai que deterse na definición e razón que, en Traballar co corazón, nós dá Michel Rocard:
Acción. É unha necesidade e unha esperanza. Unha necesidade, porque o drama das persoas está feito das ocasións perdidas, porque se sente rabia ao ver inexplotadas as oportunidades de emprender e de aliviar un pouco a miseria humana. Unha esperanza, porque ninguén de nós quere quedarse á marxe, porque cada quen ten sede dunha acción que poida ser útil e porque a vida non é vida cando non é máis que pasividade.
Na Rede, e fóra dela, é tempo de pasar a páxina da derrota e pasar á acción coa esperanza entre os dentes.

18 de Nov de 2009

As vítimas do Alakrana


Hai que vender grandeza aínda que o asunto sexa miserento. Titular grandioso: «Los héroes del Alakrana vuelven a casa...». Hai que enxalzar a españolidade da solución, fala a filla do patrón, Cristina Blanch: «Nosotros somos España, un país en que todo el mundo sabía que íbamos a salir del secuestro. Otros barcos están apresados desde hace meses y nadie los va a sacar de allí.» Heroicidade e españolidade, combinación infalíbel e corroboración (unha máis) de que a Enciclopedia Álvarez segue formateando os espíritos decentes.


Sería bastante prudente deixar de lado a afirmación da españolidade da solución xa que é fácil retrucala lembrando que o capital non ten patria (o proletariado tampouco segundo indicación dun barbado señor de Treveris e do seu amigo Federico, o Bo). É mellor non despistarse, o problema (secuestro) resolveuse grazas á xenerosa entrega dun gorentoso capital (rescate) á empresa corsaria.

O patrioterismo español é unha variábel irrelevante na resolución aínda que é posíbel que asistamos a unha graciosa expresión de españolidade, mais para iso teremos que agardar para ver como se resolve o tratamento penal dos dous piratas detidos. Hai moitas papeletas para iso teña, efectivamente, unha «solución española», a da tortura da lei e da intelixencia.


Volvamos aos heroes. Unicamente son heroes se aceptamos a óptica do poeta e diplomático Paul Claudel: «Os individuos só son heroes cando non poden actuar doutra maneira.» Unha idea que completou con brillantez Umberto Eco: «O verdadeiro heroe é sempre heroe por engano; soñou con ser un covarde honesto como todos os outros.»

A tripulación do Alakrana son vítimas. Vítimas en estado puro. Vítimas múltiples.


Son, primeiro de nada, vítimas dun secuestro.
Pero tamén son vítimas dun modelo de explotación (capitalista express) dos recursos mariños coa que que procuran os maiores beneficios cos menores custos e poucas (ningunhas) rendas económicas ou sociais para o países (ultraempobrecidos) que están na veciñanza dos caladoiros.

Hoxe Público ofrece algúns números do fabuloso negocio: 200.000 toneladas –cun valor facturado de 180 millóns de euros– que cobre o 40% da demanda das conserveiras que con elas fan unha caixa duns 600 millóns de euros ao ano. O risco das tripulacións cóntase por millóns. As desgrazadas vítimas son unicamente un investimento fracasado.


Son vítimas ademais das inconsistencias políticas, diplomáticas, xudiciais e militares do goberno do Estado español. Un Estado fallido, moi marrado neste lamentábel asunto.

Son vítimas adicionais da política da morriña (segunda acepción: «corpo morto en estado de descomposición.») do Partido Popular que devece por tirar rédito electoral da prea que producen os erros do goberno.

E, desde o momento en que aos mariñeiros do atuneiro se lles impoña a heroicidade, serán vítimas mediáticas.

André Malraux, sabido en cousas da fama, xa advertiu que «non existe heroe sen platea» e a medida que se achegue a arribada do Alakrana agrandarase o teatro mediático para vender heroicidades, españolidades ou o que toque para disparar a venda de xornais ou o orgasmo do share.


Desde a liberación e até que chegue a porto, seremos machucados polo balbordo dos medios que xa nos terán despistado da orixe deste asunto (piratas, secuestro, dubidosa eticidade do negocio pesqueiro, incapacidades políticas...) de xeito que, cando a amarra abrace o norai, os homes do Alakrana xa serán inevitabelmente fashion victim. Vítimas da máis merdenta das modas, a que converte en banal entretemento e distracción todos os problemas malditos aos que gobernantes e poderosos se negan a buscar dignas solucións.

17 de Nov de 2009

Ciberactivismo (1)

Convidado por Ana Miranda e Oriol Junqueras formei parte da delegación galega que participou no seminario sobre ciberactivismo político que organizou a ALE-Os Verdes o pasado 12 de novembro. A maiores de recomendar a lectura doutras proveitosas e ilustrativas crónicas e achegas do evento, deito aquí un breve catálogo daquilo que nos falta e que nos sería proveitoso ter.

A inexistencia no curruncho galego da Rede dun seguimento informativo, crítico e alternativo, do proceso de construción e das políticas da Unión Europea. Por máis que se comparta que moitas das directivas europeas acoutan as políticas que lle quedan por facer ás nosas institucións de autogoberno, a presenza da axenda europea nos medios dixitais galegos (e non non dixitais tamén) é soberanamente pobre. Neste sentido sería de moito agradecer poder contar cunha «axenda de previsión» dos debates comunitarios para saber con antelación, informar criticamente e xerar alternativas respecto das decisións estratéxicas a UE que máis comprometen a Galiza. A presidencia española da Unión no primeiro semestre de 2010 achega unha excelente ocasións para comezar a dar unha resposta desde o blogomillo e algúns medios dixitais, como vieiros.com ou altermundo.org, á cuestión europea.


As organizacións das nacións sen Estado a penas son audíbeis e visíbeis na babel burocrática da Unión Europea. Consolidar un nó e un espazo de relación na Rede ao redor das súas políticas que serva para a transferencia de experiencias e partillar as súas elaboracións programáticas apúntase como unha necesidade estratéxica decisiva para non ficar sepultados pola podente comunicación dos grandes grupos parlamentarios que xestionan o «bipartidismo europeo».

É sentida a necesidade dun espazo de coordinación e dunha plataforma de transferencia de políticas e experiencia das organizacións nacionalistas abeiradas na ALE, hai sobrados ámbitos nos que trenzar estratexias compartidas, sen ir máis lonxe Escocia, Gales, Galiza, Bretaña procuran hoxe un dominio lingüístico e/ou cultural propio na arañeira, logro xa acadado por Cataluña co .cat ou hai en marcha procesos de ampliación soberana do autogoberno como o de Escocia dos que nos cómpre saber moito máis.

Tamén hai que repensar en clave colaborativa a blogleira galega e a súa coordinación cos medios dixitais de información. Hai moito e moi ben feito pero tamén hai eivas que enfrontar se se quere contar cun solvente soporte de comunicación, infraestrutura dun contradiscurso que sexa quen de discutir e retrucar o Discurso Interpretativo Dominante que enchoupa o actual sistema galego de medios.

Luis Ángel Fernández Hermana escribiu en «Los monasterios del siglo XXI» que «Internet devolveu a voz a millóns de seres que até agora só tiñan ollos.» Niso estamos pero aínda falta moito para crebar de vez as tendencias censatarias que limitan o acceso e participación á sociedade da información e a comunicación, engrosando a fenda dixital e reproducindo na rede desigualdades non menores que as que presiden as canles tradicionais da chamada democracia mediática. A promesa emancipadora que abeira a sociedade do coñecemento aínda ten que vencer poderosos atrancos, a batalla pola igualdade, polas liberdades e os dereitos de cuarta xeración seguramente moi probabelmente se decidirá na rede.

As forzas políticas comprometidas cunha auténtica participación cidadá han ser necesariamente catalizadores do ciberactivismo político se queren vencer a hexemonía que as oligarquías tentan ampliar tamén no mundo dixital. No arrinque do século XX, un entusiasta Lenin proclamou que o socialismo era soviets máis electrificación, no XXI quizais o máis parecido lle sexa democracia solidaria máis internet.
Soñar na rede é (case) de balde...

16 de Nov de 2009

De paso, cinco anos

De paso comezou a súa andaina o 16 de novembro de 2004 cunha declaración de intencións na que se dicía:
Estamos de paso e sen folla de ruta. Xogamos ao ensaio e ao erro. Non pretendemos quedarnos. «Ninguén chega tan lonxe como cando non sabe onde vai» deixou dito don Oliverio Cromwell. Abofé que el foi ben lonxe, mesmo chegou a executar a un rei, a un auténtico rei inglés. Unha revolución que se (auto)estime non pode aspirar a menos. Nós contentámonos con menos, válenos ben estar tan só de paso. A nosa é unha camiñada anónima e sen grandes aspiracións. Facer calquera cousa modesta (como cortarlle a cabeza a un rei inglés) e despois desaparecer.
A camiñada dura xa cinco anos e nunca pensei certamente en chegar tan lonxe. Neste tempo xogamos ao ensaio e ao erro e apuntámonos éxitos modestos, grandiosos erros e monumentais fracasos. Coma ninguén chega tan lonxe como cando non sabe onde vai, sigo de paso, tentando facer cousas aínda máis modestas que decapitar un rei.

Houbo unha tempada na que polas miñas ocupacións como perito da política estiven en ningures. Mais retornei e voume quedando.

Non hai grande cousa que celebrar pero un quinquenio é un quinquenio e era de xustiza facer un galano aos lectores e transeúntes que nos acompañaron de paso. Un algo que poidan conservar cando De paso desapareza que tamén lle ha de tocar. Ese galano é A novísima dereita e nós, un modesto libro en formato pdf, onde se acolle escritos publicados en De paso e Caderno de paso, spin off que aniña agarimosamente A Nosa Terra Dixital, mais tamén axunta as «Noticias de ningures» que acolle Tempos novos e artigos de «Disparando aos reloxos» que publico en galiciadiario.com.

Por deformación profesional sei que non hai nada máis arbitrario que un acoutamento cronolóxico. Os textos que reproduzo están encaixados entre dous marcos discutíbeis: a sesión de investidura como presidente de Alberto Núñez Feijóo e a celebración da manifestación convocada por Queremos Galego o 18 de outubro. É dicir que van desde o inicio do goberno da novísima dereita e a data na que masivamente se lle deu contestación a unha das súas políticas centrais: o abandono por parte da Xunta de Galicia do mandato normalizador da nosa lingua e cultura.

O ascenso da nosa novísima dereita, que fixo triunfar o Movemento 1 de Marzo, acompáñase do apodrecemento da dereita postaznarista que tenta liderar Mariano Rajoy. Emerxencia e devalo son a día de hoxe dous procesos abertos, sen concluír. A penas está iniciada tamén a procura, por parte das forzas progresistas e nacionalistas, dunha estratexia colaborativa para impedir a consolidación da hexemonía dos conservadores en Galiza.

Por esa razón, seguiremos facendo exercicios cos que pensar escribindo e, de paso, axudar a que abrolle un tempo novo para as políticas de transformación e avance do noso autogoberno.
  • Aquí pode descargarse A novísima dereita e nós (.pdf, 996 Kb).

14 de Nov de 2009

Lingua de liberdade


«Paréceme completamente anómalo renunciar á lingua nai. E entendo que só pode facerse por dúas razóns: unha aversión de orixe emotiva, política, por así dicilo, ou por un rexeitamento que provén dos límites que a lingua pode impoñer á liberdade e a imaxinación do escritor.» Quen así fala é Ismail Kadare, escritor dun país tan miúdo coma o noso.


Hoxe, no Teatro Principal, un quiñón plural da sociedade galega denunciou as estratexias de renuncia da lingua propia que promove o Partido Popular e o seu desgoberno na Xunta de Galicia. Unha denuncia do seu programa de aborrecemento político da lingua galega que fende o consenso traballosamente trabado durante dúas décadas ao redor da normalización do idioma e a cultura propia de Galiza.

Homes e mulleres de saberes, profesións, idades, condicións sociais e experiencias políticas ben distintas axuntaron palabras para salientar que o prexuízo político é a causa primeira da abdicación do mandato normalizador que promove o goberno de Núñez Feijóo crebando un dos fíos condutores da historia do noso autogoberno.

Voces moitas que deixaron en claro que non hai ningunha razón de liberdade que xustifique ás políticas de descoñecemento dos dereitos fundamentais da lingua galega que o Partido Popular teima en materializar subvertendo a idea mesma de cidadanía, un desvarío autoritario que nos conduce cara a ningures.

Cando a liberdade existía unicamente na terra dos soños, o galego foi a lingua da oposición á ditadura, como logo serviu para dar voz propia á democracia e o noso autogoberno; por iso, todos os parlamentos evidenciaron que a lingua galega non impón límite ningún nin a liberdade nin a imaxinación democrática dos galegos.


Un belicoso clásico anotou: «Poñan a felicidade na liberdade e a liberdade na bravura.» Hoxe Galego Patrimonio da Humanidade convocounos a un acto cívico feliz e bravo. Unha manifestación pluralista de dignidade. Unha nota de atención para gobernantes extraviados: nunca chegará o día da capitulación da nosa loita en favor da lingua das liberdades de Galiza. Desengánense.